Clubs de lectura de Pontevedra é unha iniciativa na que a Consellaría de Cultura e Deporte e o Concello de Pontevedra colaboran para a animación á lectura en adultos, cun programa que combina a creación de Clubs de Lectura no entorno urbano, através da Biblioteca Pública, no rural, através das axencias de lectura, e no virtual, através do seu blogue. Colabora tamén na iniciativa a Asociación Máis Libros.
A finalidade da iniciativa é animar a ler en galego e coñecer tanto obras clásicas da literatura galega como as máis recentes novidades do noso panorama editorial. Tamén haberá un espazo para a literatura clásica universal e á narrativa literaria actual de autores estranxeiros traducidos ao galego.
Tradicionalmente, un Club de Lectura é un grupo de persoas que len un libro ao mesmo tempo e que se reúnen periodicamente para comentar o libro.
Búscase converter a lectura nun acto de socialización, de diversión e coñecemento, nun espazo no que achegarnos ás páxinas dun libro sexa cada vez unha nova viaxe en boa compaña.
Da Biblioteca Nodal de Pontevedra depende o club presencial e o club virtual para os máis afeccionados ás novas tecnoloxías, xa que será a través do blogue no que os lectores deixarán os comentarios dos libros lidos e reuniránse na rede unha vez ao mes para comentar a novela seleccionada. Á conversa tamén se unirá, cando sexa posible, o autor/tradutor da obra.
Esta iniciativa busca achegar tamén ao ámbito rural unha nova forma de ler: activa, lúdica e participativa. Así, desenvolveranse tres clubs en:
- Axencia de Lectura de Monte Porreiro, no Centro Sociocultural situado na rúa Alemaña
- Axencia de Lectura de Santa María de Xeve, na Antiga Casa Consistorial
- Na parroquia de Salcedo celebraranse en Cabanas-Salcedo, na sede da Asociación Heroes do Campo da Porta
Sem comentários:
Enviar um comentário