quarta-feira, 26 de dezembro de 2007

Bibliotecas no Nadal

Este ano parece que as noticias sobre bibliotecas cobran importancia durante as datas do nadal.

Aínda que as noticias son moi limitadas, xa que non temos acceso a todo o que se publica no país sobre bibliotecas, cremos que os medios de comunicación utilizan, cada vez máis, noticias "en positivo" sobre os nosos servizos.

Temos que aprender a "utilizar" os medios de comunicación para difundir todo o que realizamos desde as bibliotecas (que non son poucas cousas), e mostrar así unha imaxe positiva sobre as mesmas. Todo aquelo que reverta nunha mellora dos servizos, daranos máis visibilidade diante da cidadanía e das nosas institucións.

Algúns exemplos:

Nova Biblioteca en Arzúa

Incremento de socios na Biblioteca de Oroso
Novo horario na Biblioteca de Ordes

Parabéns polos vosos servizos.

sexta-feira, 14 de dezembro de 2007

Biblioteca Dixital Mundial








A World Digital Library fará disponíbel na internet, gratuitamente e de maneira multilingue, documentos de interese para todas as culturas, incluíndo manuscritos, mapas, libros raros, grabacións musicais, filmes, fotografías... e outros documentos significativos. Os obxectivos desta Biblioteca Mundial son promover os coñecimentos interculturais, fornecer de recursos aos educadores, expandir os contidos noutras linguas diferentes ao inglés e de países "non occidentais", e contribuir á investigación.

Este proxecto é promovido pola UNESCO e por bibliotecas de prestixio.

Desde a web do proxecto pode visualizarse este video de presentación.

Novo recurso para literatura infantil e xuvenil

A Fundación Germán Sánchez Ruipérez acaba de lanzar un dicionario electrónico de autores de literatura infantil e xuvenil.

Recolle máis de 700 referencias de autores de literatura infantil e xuvenil de todo o estado. De cada autor apresenta unha ficha con información bibliográfica e profesional, listaxe de premios recebidos e ligazóns a webs.

Foi engadido este recurso ao directorio de recursos do noso blogue.

Que é un blogue?

Explicación de modo sinxelo neste video:

quinta-feira, 13 de dezembro de 2007

Programa Rede Cultural da Deputación da Coruña 2008

O BOP do 12 de decembro de 2007 recolle a convocatoria para a participación na programación da Rede cultural da Deputación para o ano 2008. Indícanse as actividades culturais que poderán solicitar os concellos da provincia nas categorías profesionais e non profesionais de música, danza, teatro e outras actividades.

As actuacións a solicitar serán diferentes dependendo do número de habitantes dos concellos establecéndose o límite en maiores e menores de 20.000 habitantes.

A Deputación subvencionará un 70% do custe das actuación correndo o resto a cargo dos concellos.

terça-feira, 11 de dezembro de 2007

O Ministerio de Cultura non inaugurará a nova biblioteca de Santiago

O Ministerio de Cultura ten decidido non realizar nengún acto de inauguración nen entrega da Biblioteca Pública do Estado debido a que a instalación carece de equipamento. Coincidindo coa presenza do ministro César Antonio Molina en Santiago con motivo da Conferencia Sectorial de Cultura, apuntárase a posibilidade de celebrar un acto inaugural da nova biblioteca, a pesar de que non podería abrirse ao público até estar dotada de equipamento interior.

Máis información en La Voz de Galicia do 11/12/07, edición de Santiago.

quinta-feira, 6 de dezembro de 2007

Perfil Profesional: entrevista na Radio Galega

Entrevista a José Luís Alonso, coordenador do Grupo de Perfil Profesional das Bibliotecas Municipais no programa Diario Cultural da Radio Galega o 5 de decembro de 2007.

Pódese intentar reproducir desde esta ligazón ou desde esta outra (esta última necesita ter instalado o QuickTime de Apple).

Noticia n´A Nosa Terra dixital sobre a nova biblioteca de Santiago

Reprodución de parte do artigo publicado na versión dixital deste xornal:


Segundo a información recompilada por Europa Press, a construción do edificio da nova biblioteca conta cun presuposto de 7,11 millóns de euros e a obra entrégase este mes, aínda que a entrada en funcionamento non se producirá ata "o primeiro trimestre de 2008", unha vez que se fagan todos os traballos necesarios para o funcionamento pleno do servizo, sobre todo no referido a empréstito.

O edificio, situado na Avenida de Xoán XXIII nun solar de 4.104 metros cadrados que foi cedido polo Concello de Santiago, é titularidad do Ministerio de Cultura e vínculase coa Rede de Bibliotecas Públicas do Estado --composta por 52 centros dependentes da Dirección General de Libro, Archivos y Bibliotecas--; pero as 37 persoas que integran o equipo e a dotación de fondos, así como a propia xestión do centro corresponderá á Consellería de Cultura.

As previsións son que a nova Biblioteca Pública de Santiago de Compostela conclúa este mes de decembro ou a principios de xaneiro a instalación de mobiliario e equipamento informático --este é proporcionado polo Ministerio de Cultura--. Este centro contará con rede Wifi, aínda que están por definir as condicións de acceso dos usuarios a este servizo; e haberá sesenta postos de ordenador dispoñibles para os usuarios. Tamén está previsto o acceso vía internet por un portal a publicacións e recursos on-line de todo tipo.

Pode consultarse o artigo completo nesta ligazón.

quarta-feira, 5 de dezembro de 2007

A Deputación da Coruña faise eco das conclusións do grupo de Formación

A Deputación da Coruña recolleu as conclusións do Grupo de Traballo de Formación das bibliotecas municipais nas que se facía unha proposta concreta de cursos de formación demandados polos traballadores e traballadoras das bibliotecas municipais galegas.

O Servizo de Formación da Deputación púxose en contacto connosco para incluir na súa proposta de formación para o ano 2008 algúns dos cursos demandados. Por desgraza eles mesmos recoñeceron que a súa institución non pode atender nunha única convocatoria toda a demanda xa que os seus cursos van orientados a todos os traballadores da administración local e non só aos concellos.

Devido a isto solicitáronnos que de todos os cursos demandados por nós se escolleran un máximo de 3 para incluir na súa proposta formativa.

Os cursos escollidos desde o grupo de traballo son os que indicamos a continuación:

Técnicas de marketing aplicadas a bibliotecas municipais
Obxectivos:

  • Presentar os métodos máis usuais de traballo e as principais estratexias na área do marketing de bibliotecas, tanto da difusión como do deseño de servizos ou produtos.
  • Proporcionar elementos para planificar e deseñar campañas de marketing nas bibliotecas.
  • Analizar a utilización das tecnoloxías da información como medio de marketing, comunicación e información.

Utilización e aplicacións de recursos en Internet para bibliotecas municipais
Obxectivos:

  • Observar o impacto de Internet nas Bibliotecas e os servizos de información.
  • Coñecer instrumentos de recuperación de información en Internet: os buscadores, fontes de información, recuperación de información profesional.
  • Ver recursos de información de interese para bibliotecas.

Deseño de actividades e programas de animación á lectura
Obxectivos:

  • Ofrecer coñecementos sobre a metodoloxía para a xestión, control e seguimento de programas de animación
  • Presentar os principais aspectos que deben considerarse na definición dos programas: obxectivos, alcance, calidade, control de custes...
  • Programas específicos para os dferentes tipos de usuarios: infantil, xuvenil e adultos: aplicacións prácticas
Lembrámosvos as persoas que forman parte desde Grupo de Traballo;

Reunión de Bibliotecas da provincia de Ourense

As compañeiras que forman parte do grupo de traballo de Difusión e Colaboración coas Bibliotecas organizaron para este venres 7 de decembro unha reunión na Casa da Cultura do Concello de Barbadás.

Esta reunión terá lugar ás 10h. e a ela están convocadas todas as bibliotecas da provincia que desexen ou podan asistir.

Este Grupo de traballo foi creado na última reunión de Bibliotecas municipais celebrado o pasado 1 de xullo e forman parte do grupo: Sonia da Biblioteca de Fene e Mónica da biblioteca do Saviñao.

A finalidade deste grupo é coñecer a realidade da situación das bibliotecas e apoiar ás mesmas facilitándolles o acceso á información dos grupos de traballo, información e formación básica, etc.

Podedes asistir a esta reunión ou poñervos en contacto con estas dúas compañeiras:
Sonia Iglesias: fene@rbgalicia.org, biblioteca@fene.org, tel: 981342302
Mónica Carballo: osavinao@rbgalicia.org, tel: 982452324

O Perfil Profesional na Radio

José Luís da Biblioteca de Arteixo, coordenador do grupo de traballo de Perfil Prefesional, participará en varias entrevistas na Radio con motivo da publicación das conclusións deste grupo de traballo na que se recollen aspectos relativos aos traballadores e traballadoras das bibliotecas municipais.

Día 5 de decembro ás 15:15h. no programa DIARIO CULTURAL da Radio Galega.
Día 6 de Decembro ás 13:30h. no programa GALICIA EN LA ONDA de Onda Cero.