quarta-feira, 27 de fevereiro de 2008

segunda-feira, 25 de fevereiro de 2008

A Consellaría de Cultura e O Concello de Pontevedra promoven cinco Clubs de lectura na cidade






Clubs de lectura de Pontevedra
é unha iniciativa na que a Consellaría de Cultura e Deporte e o Concello de Pontevedra colaboran para a animación á lectura en adultos, cun programa que combina a creación de Clubs de Lectura no entorno urbano, através da Biblioteca Pública, no rural, através das axencias de lectura, e no virtual, através do seu blogue.
Colabora tamén na iniciativa a Asociación Máis Libros.

A finalidade da iniciativa é animar a ler en galego e coñecer tanto obras clásicas da literatura galega como as máis recentes novidades do noso panorama editorial. Tamén haberá un espazo para a literatura clásica universal e á narrativa literaria actual de autores estranxeiros traducidos ao galego.

Tradicionalmente, un Club de Lectura é un grupo de persoas que len un libro ao mesmo tempo e que se reúnen periodicamente para comentar o libro. Pero esta iniciativa vai máis alá: busca dinamizar a lectura con actividades coma encontros cos autores, editores e/ou tradutores das obras que se estexan a ler, proxección de filmes relacionados coas temáticas das obras e asistencia a obras de teatro relacionadas coas lecturas. Farase especial fincapé nas obras de autores de Pontevedra.

Búscase converter a lectura nun acto de socialización, de diversión e coñecemento, nun espazo no que achegarnos ás páxinas dun libro sexa cada vez unha nova viaxe en boa compaña.

Da Biblioteca Nodal de Pontevedra depende o club presencial e o club virtual para os máis afeccionados ás novas tecnoloxías, xa que será a través do blogue no que os lectores deixarán os comentarios dos libros lidos e reuniránse na rede unha vez ao mes para comentar a novela seleccionada. Á conversa tamén se unirá, cando sexa posible, o autor/tradutor da obra.

Esta iniciativa busca achegar tamén ao ámbito rural unha nova forma de ler: activa, lúdica e participativa. Así, desenvolveranse tres clubs en:

  • Axencia de Lectura de Monte Porreiro, no Centro Sociocultural situado na rúa Alemaña
  • Axencia de Lectura de Santa María de Xeve, na Antiga Casa Consistorial
  • Na parroquia de Salcedo celebraranse en Cabanas-Salcedo, na sede da Asociación Heroes do Campo da Porta

quarta-feira, 20 de fevereiro de 2008

Espazos para a lectura


O último número da Revista Fadamorgana (n. 12: inverno 07/08) contén un dossier sobre a animación á lectura. Moi centrado na animación na educación e nas bibliotecas escolares pero do que se poden tirar boas ideas para as bibliotecas.




Artigos:

  • A lectura na educación secundaria, Agustín Fernández Paz
  • Facer lectores, Víctor moreno
  • Lectura e Biblioteca escolar, Xabier Docampo
  • Hora de ler, Cristina Novoa
  • A Lectura en rede, María josé Vitorino
  • O mestre de lectura, José Luís Polanco
  • A biblioteca escolar e o fomento da lectura, Mariano Coronas
  • Como dinamizar a biblioteca escolar, Beatriz Osés

segunda-feira, 18 de fevereiro de 2008

Bibliotecas galegas e Internet, publicado no Faro de Vigo

Hoxe publícase no Faro de Vigo unha nova incidindo na realidade das bibliotecas de Galicia. Aínda nos falta máis que un chisco para poder equiparar a nosa oferta de servizos coa media do resto de España:


http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pRef=3269_8_201266__SociedadyCultura-cada-cinco-bibliotecas-Galicia-carece-acceso-internet

quinta-feira, 14 de fevereiro de 2008

O INE publica os dados estatísticos do 2006





O Instituto Nacional de Estadística acaba de publicar os datos correspondentes ao ano 2006. Os galegos visitamos máis as bibliotecas que a media estatal mais levamos menos documentos en empréstamo.

sexta-feira, 8 de fevereiro de 2008

Reunión de Bibliotecarios da Mancomunidade Arousa Norte






O próximo martes 12 de febreiro vanse reunir en Rianxo os bibliotecarios e bibliotecarias desta mancomunidade.

A reunión ten unha orde de traballo aberta xa que é o primeiro encontro destas características que celebran. Sen embargo entre os temas a tratar figurarán varios dedicados a buscar posibilidades de colaboración entre as bibliotecas que os leven a mellorar conxuntamente os servizos prestados.

Na reunión plantexarán tamén levar as propostas directamente aos seus concellos e á mancomunidade coa finalidade de darlle carácter “oficial” e estable a este e posteriores encontros.

Bibliotecas participantes: Boiro, A Pobra, Rianxo e Ribeira
Data: Martes 12 de Febreiro 2008
Lugar da reunión: BPM "Castelao" de Rianxo

Hora: ás 10 da mañá

Galicia nos últimos postos de lectura

A prensa do 8 de febreiro de 2008 recolle o último informe da Federación de Gremios de Editores de España no que se recollen os últimos datos do índice de lectura en España. Galicia queda nos últimos postos en canto a índice de lectores, compra de libros e lectura nunha língua oficial diferente ao español.

Informe por comunidades autónomas.

A noticia nalgúns medios de comunicación:
La Voz de Galicia

El Correo Gallego
Faro de Vigo
El País